Saturday 04 de May de 2024

San Sadurniño celebra o día do Orgullo LGBTIQ+ cun obradoiro de papaventos e avións de papel


Este mércores 28 de xuño é a data sinalada no calendario para reivindicar a igualdade, a liberdade e a dignidade de todas as opcións afectivas e sexuais. O Día Internacional do Orgullo LGBTIQ+ toma como punto de partida as manifestacións espontáneas a raíz da represión policial que tivo lugar no pub Stonewall Inn de Nova Iorque na madrugada dese día, hai agora 54 anos.

Malia o paso do tempo, a diversidade segue estando perseguida en moitos países, mentres que naqueles considerados “primeiro mundo” asistimos duns anos a esta parte a un retroceso das conquistas acadadas en canto á súa normalización social, como efecto colateral do crecemento das forzas políticas ultraconservadoras e dos populismos de extrema dereita.

De aí que hoxe siga sendo tan necesario apuntalar o respecto pola liberdade de ser e sentir, traballando para iso no ámbito da educación e a sensibilización.

Neste sentido, o Concello de San Sadurniño organizou para o serán deste mércores do Orgullo o obradoiro “A voar!”, no que a rapazada de entre 8 e 15 anos construirá e fará voar papaventos e avións de papel cos que tinguir o ceo das cores do arco da vella. A actividade desenvolverase no arboreto da Cortiña a partir das 18:00h

As nenas e nenos participantes farán avións e papaventos con axuda da actriz e dinamizadora Andrea Dunia Díaz Casal. Utilizarán materiais lixeiros e papeis reciclados aos que lles darán cor para logo penduralos a secar na contorna a modo de “intervención creativa no espazo”, tal e como explica a condutora-narradora do obradoiro.

“A Voar! é un taller no que comezo compartindo coa rapazada a tarefa, a historia e o manexo dos materiais, trenzando un conto que se constrúe a medida que cortamos, pegamos, dobramos e tensamos. Aprenderemos a construír os papaventos con papel, bambú e fío e remataremos o obradoiro voando con eles nun exercicio colectivo. a través das mans emprendemos unha viaxe na que deixaremos voar a imaxinación, a intuición, a atención e a creatividade”, comenta a actriz e dinamizadora, cuxa proposta creativa se encadra no programa Dinamiz-artj.

Pola súa banda, a responsable de Igualdade, Araceli Bellas, destaca o axeitado do obradoiro para a data do 28 de xuño, posto que, segundo asegura “permitiranos vestir a zona do arboreto e incluso o ceo das cores do arco da vella, símbolo da loita LGBTIQ+ “. A concelleira avanza que o obradoiro rematará cunha merenda para a cativería e a mocidade e coa lectura do manifesto institucional con motivo do Orgullo.

Para participar na actividade, que é gratuíta, hai que contactar coa Axente de Igualdade chamando ao 981 490 027 ext.1.